Bruno
Para Gloria.
Ola, Gloria, veciña. Estou na casa escoitando jazz, é un septeto fantástico, e de súpeto ocorréuseme contarche unha historia que me pasou hai pouco, aínda que non estou moi seguro. Na miña vida esa liña tan fina que existe entre realidade e ficción é case invisible; de verdade, Gloria, non sei distinguila. Direiche máis: creo que a miña vida é pura ficción.
A historia que che vou contar eu diría que me pasou, ou non, non estou seguro. Espero que ti me axudes a aclaralo. Verás, así empeza a historia.
O outro día, ao saír da diálise, decidín non ir para casa, pois facía un día que convidaba a pasear; chamei a Luis para que non se preocupase e continuei camiñando. Ao cabo dun bo anaco oio unha voz que me chama.
—Carlos!!
—Ola, Gloria. De onde vés?
—Tiña festa e ocorréuseme ir ao cine.
—Agora entendo que non te vise. Que tal a peli?
—Moi boa, fantástica. Carlos, non vira nada igual na miña vida.
—Que me dis! Tanto?
—De verdade, Carlos!, é unha auténtica pasada.
—E como se titula?
—Bruno!
—Bruno?
—Si, é sobre un burro que se chama Bruno.
—Gloria, perdoa pero… estás de broma, non si?
—Non, non… Carlos, de verdade que non, prométoche que non é unha broma. De verdade, é unha película xenial; aínda estou abraiada co que acabo de ver hai apenas dúas horas.
—Pero Gloria…
—Carlos, por favor, eu nunca che mentiría, sábelo e podes crerme. O que acabo de vivir é especialísimo e direiche máis: alégrome de terte atopado porque sei que me escoitarás e saberás comprender o que estou sentindo agora.
—Grazas, Gloria. Claro que podes confiar en min! Pero por favor, conta. Que ten de tan especial esta película?
—Mira, verás, Carlos! A película foi como un ovni que caese dun planeta afastado e me dividiu en dúas, non sabía que facer, se defendela ou rexeitala. Provocadora e sorprendente, a película rompía con todas as regras de ouro do cine convencional a ambos os lados do ancho océano, ao mesmo tempo que con aquel chamado cine artístico europeo, é dicir, «La Nouvelle vague», e era, do mesmo xeito, abraiantemente perfecta na súa unidade absoluta de contido e forma. Cheguei a entender máis tarde que esta perfección tiña a súa propia historia de maduración, cando tiven a oportunidade hai tempo de ver as súas películas anteriores. Non obstante, a pesar das obras mestras que fixo, «Bruno» segue sendo para min a máis prezada de todas as xoias do cine. Ningunha outra película fixo que a miña cabeza e o meu corazón desen tantas voltas como esta.
—Non te coñecía, Gloria, pero agora xa o sei; tesme engaiolado… necesito que me digas: que é o que conta a película?
—Contareiche só o principio para que te fagas unha idea. Ok, Carlos?
—Ok, Gloria!
—Bruno é un burro. A película conta a historia da súa vida, o seu sufrimento e a súa morte. E conta, en fragmentos, a historia daqueles que se cruzaron no camiño de Bruno.
O comezo: a pantalla permanece escura, antes da primeira imaxe, oímos o tintinear das campás dun rabaño de ovellas. Entón chega o primeiro plano. O burro bebé mama entre as patas da súa nai. Ao fondo percibimos o rabaño de ovellas. Só se escoitan tintinear suavemente as súas chocas. Entón, o brazo delgado dun neno ou dunha nena envolve o pescozo do animal e apártao da súa nai. A cámara segue o brazo e vemos que pertence a unha nena que abraza tenramente o burro. Un neno da mesma idade está tamén inclinado e acariñándoo, e entre eles, en segundo plano, hai un home. Visten lixeiros; é verán. «Dánolo. Necesitámolo.» «Meus fillos, é imposible.»
Plano longo: os nenos corren ao carón do pai, que tira do pequeno burro tras el cara ao val, desde o pasto da montaña. As chocas das ovellas deixaron de oírse.
Segundo plano: cunha xerra pequena, un dos nenos derrama auga sobre a cabeza do burro e di: «Bruno, eu te bautizo, no nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo. Amén.»
—Que che parece o comezo, Carlos?
—Xenial!! Xa teño ganas de vela.
—Pois, a que esperas, Carlos?
—Acompáñasme, Gloria?
—Claro, Carlos, veciño! Teño ganas de ver a cara que porás cando a vexas.
Carlos. 03/03/2019. Para a miña veciña Gloria.