Operación Cicerón
Dedicada á miña enfermeira Moon, unha muller ideal.
Dura pouco máis dunha hora, está feita co xusto e é un dos casos máis sonados de espionaxe da II Guerra Mundial, que en boa parte segue a ser un misterio, a pesar do libro que o propio interesado escribiu para contar a aventura.
Chamáronlle Cicerón a este discretísimo mordomo do embaixador inglés en Ankara, que lles pasou información ultraconfidencial aos alemáns durante a guerra. Joseph L. Mankiewicz baseou a súa adaptación ao cine máis ben no relato que escribiu á súa vez o adxunto militar americano da embaixada alemá, Franz von Papen.
Operación Cicerón foi o último guión de Michael Wilson levado ao cine, antes de pasar a figurar nas tremendas listas negras do macartismo. Por este traballo estivo nomeado ao Óscar xunto a Mankiewicz, pero de nada lles valeu: a partir de aquí só puido traballar en “La sal de la tierra” e botar unha man en “El puente sobre el río Kwai” e en “Lawrence de Arabia”.
Non é difícil adiviñar quen lle interesou a Mankiewicz este caso de espionaxe, no que os malos parecen bos, algo pouco usual nun momento coma este de exaltación nacional. A Mankiewicz intrigábanlle o rumbo e algúns destinos fóra do común. A base do seu traballo é a construción do guión: eses diálogos que reescribiu moito para darlles a máxima concisión e eficacia. A partir de aí pode bordar personaxes, escenas, momentos e dar todo un recital de ironía coa axuda do compositor de Hitchcock, Bernard Herrmann.
O británico James Mason, 43 anos, enigmático coma nunca, lanza aquí a súa carreira; para o seguinte papel de actor repite con Mankiewicz en “Julio César”, e axiña virá “Ha nacido una estrella”.
Danielle Darrieux encarna a condesa, que por certo sacaron da manga para darlle máis gancho á historia. Esta é unha das dúas películas que a actriz francesa fixo en Hollywood, e neste caso en Turquía, onde o equipo estivo sete semanas de rodaxe.
Os cinco dedos do título orixinal inglés foron cousa da distribución para simular a avaricia, un sen sentido que serviu de base á campaña publicitaria da película e que poñía de moi mal humor o meticuloso director de “Operación Cicerón” en canto lle tocaban o tema.
Non a perdan, ten momentos moi amenos.