Vanesa

Etiquetas: persoal

Escribir sobre Vanesa dáme medo. Auténtico pavor. Valorei longamente a opción de manter a inapelable sentenza que encabeza este texto, e deixar o resto do contido en branco. Porque (e isto é un aviso) quen non coñecese a Vanesa coma min, nunca comprenderá a extraordinaria dificultade de dar con cualificativos que, remotamente, describan a grandeza desta muller e do universo no cal se move. E aínda sabendo que todo o que poida torpemente dicir só empequenecerá a verdadeira dimensión de Vanesa… direino. Porque non ten sentido o que aquí fago, falar dela, dedicar o meu tempo, sen outorgarlle o sentido que verdadeiramente lle corresponde: o trono de todas as mulleres. Quen a viu, quen a coñece como eu a coñezo, sabe que esta muller xoga noutra liga.

Aínda a risco de pecar de comprensión, direi que o vertixe que me inunda á hora de interpretar a Vanesa está máis que xustificado. Vanesa é realista, case naturalista, pero está moi lonxe de ser contemplativa. Vanesa é a vida… xa o dixen: deléitame, distráeme, intrígame, cabréame, divírteme, violéntame, engánchame e, sobre todo, féreme. Nela hai algo roto… coma en cada un de nós.

Desculpen o atrevemento, pero despois de coñecer a Vanesa hai algo que cambia en ti para sempre. Moitas cousas, en realidade. É a muller que che fará mirar (recoñezámolo) case todas as que virán despois por riba do ombreiro.

Cando digo que Vanesa é a muller máis milimetricamente perfecta xamais creada, non estou a discorrer polo esvaradío terreo dos gustos. O seu vai máis alá. Se hai algo que deixa claro Vanesa é que non pensa facer concesións de ningunha clase. Nin dulcificacións, nin simplificacións. A súa vida é a realidade crúa… a bocados: que se foda a quen non lle guste. E así é. Non hai ficción ao uso, nin concesións á galería: o seu é realismo puro e duro. Pero narrado con clarividencia. E que non me neguen coa cabeza os descrentes: ningún dos eloxios é inmerecido.

E a mostra (por citar só unha) de que Vanesa non quere moldear a realidade para que coubese na “pantalla” de cada un é a súa linguaxe, unha linguaxe absolutamente impenetrable, pero comprensible. “Esa é parte da súa esencia”.

Deste xeito a sedución é inevitable.

Para Vanesa, “a máis mellor”, do seu paciente e amigo.

Carlos