Inland Empire

Etiquetas: crítica

Sr. Lynch, vaia vostede tomar polo cu.

Pois si, adiviñástelo. Pertenzo ao gremio de usuarios de Filmaffinity que nun día lúcido ata sabemos atar os cordóns das botas e mesmo debuxar o noso retrato se nos dan un seis e un catro. Así somos os memos aos que nos gusta o cine cando topamos cun engendro intelectual coma o que nos ocupa: quédanos cara de radiador. Dá igual se tedes unha educación superior ou no teu barrio che chaman “o raro que queda mirando as lámpadas”. Non importa o tolo que esteas ou que no traballo te sinalen co dedo como aquel tipo ao que non lle gustou Torrente. Sempre che quedará Lynch.

Grazas a el poderás descender varios chanzos da pirámide cultural e asumir de cheo o vestixio de animalidade innato que habita en cada un de nós e que pensaches que se diluiría co tempo. Ás cousas hai que chamalas polo seu nome e á merda hai que chamala merda. Nos antípodas dorme aquel director que rodara a miña serie de tv favorita de todos os tempos. A mente humana xoga en demasiadas ocasións co noso ego e ao parecer non lle abonda con imprimir un estilo único, senón que tira do novelo perseguindo a ida de cabeza máis brutal en vez de perfeccionar unha corrente fílmica inédita entre os seus contemporáneos. Non, home, non, hai que ser o máis chalado da confraría e certificar para a posteridade o teu lugar afastado do vulgo, onde as loanzas dos teus admiradores non tropecen no camiño con propostas similares e sexa esta unha viaxe cara ao distinto, o oculto ou o rompedor. Si, e o penoso tamén.

O certo é que envexo o meu amigo Tomine, que lle casca un dez á peli e fai unha das mellores críticas que lin nesta web, animándome a alugar este despropósito de tres horas que traguei sen rechiar. Un dos críticos remunerados que cita FA sostén que Inland Empire é “a primeira obra mestra do poscine”. Xa sabedes… cando a un lle pagan por encher espazos sen ter nin puta idea de cine, xustifica o seu soldo con pedantarías do tipo “poscine”, é dicir, cine futurista con probabilidades de converterse en corrente ideolóxica e liderada por este suxeito, e introducindo o termo surrealismo para que calquera cagallada que se escriba non careza de empaque e conseguir así a coartada perfecta dos seus pppprrrrffffffff… mentais.

Cine dentro do cine, vidas dentro doutras vidas e sucesos que se solapan en liñas temporais diferentes, apoiado por centos de primeirísimos primeiros planos que buscan ben ás claras acentuar a perplexidade dos espectadores neandertalianos coma min. O guión non forma parte da produción e, se o hai, é un pano de papel do McDonald’s máis próximo. Rexéitase por arcaico en prol dunha nova era de fabricar imaxes sen o lastre do papel pintado, parindo engendros surrealistas? coma esta obra, inxusta e desproporcionada penitencia que os que non comungamos con rodas de muíño tivemos por desgraza que dixerir.

Súbolle un punto, obviamente, polo par de peras que David saca na súa peli, non tanto pola súa perfección xeométrica e sofisticado estilismo, senón polos eloxios que estas reciben da parte das boazas que acompañan o monumento que as leva.


Un último apuntamento por falta de espazo:

“Falar de argumento en ‘Inland Empire’ é case unha ordinariez. (…) Totum revolutum? Sancta sanctorum? Sen dúbida. De todo, menos tomadura de pelo. (…) Que ten de malo botar unha partidiña e espreguizar ese fósil chamado Sétima Arte?” (Javier Cortijo: Diario ABC)

A este tipo de cadáveres con pluma refería eu no terceiro parágrafo da miña crítica. Non sei cal das tres liñas me alporiza máis, aínda que moito me dá que é a última.

Tes razón, Javier, é unha ordinariez falar de argumento. Puagg, que noxo, é moito mellor a improvisación da imaxe como vehículo doutrinal. Descoñecer o que imos realizar porque algo sairá, e non podemos permitir que un aspecto tan fatuo como o guión ou o argumento defenestren unha gafapastada coma esta coa que poder mexar bechamel desde as páxinas do noso xornal.

Despois apelamos a unha especie de revolución baleira de contido pero rompedora nas súas formas e subimos ao carro do snobismo e da estupidez sentenciando á latina que che gustou moito porque é de sempre unha moda que o rompedor ten que ser bo, e ademais tratando as masas con educación. Que non falte, mestre, que é un piar moi importante.

E rematamos o parágrafo de tres liñas suxerindo que este tipo de produtos revalorizan un tempo de Cine en estado comatoso, cando dous anos antes o amigo Clint Eastwood lles demostrou a todos os putos modernillos e gafapastiñas en xeral o que alguén con talento pode crear cun pequeno guión de apenas 30 páxinas, engrandecendo a Historia do Cine ao realizar Million Dollar Baby, unha película estrita cos parámetros formais da sétima arte e rebordante de vitalidade coas vellas regras que compoñen a narración de acontecementos. Demostrou o que un pode conseguir cinguíndose a uns dogmas máis antigos ca el e, por extensión, moito máis complicados e puñeteiros que o cagallón de película chamado Inland Empire.

Pero non se anoxe, que eu tamén teño a miña opinión, eh, e escribindo de balde…