San Valentín

Etiquetas: conto

Aquela mañá Cloe sentíase triste. Era San Valentín e pensou que, como cada ano desde había moito tempo, ningún home lle regalaría rosas; como moito ofreceríanlle un pequeno cacto para lembrarlle as espiñas que aínda tiña cravadas no corazón. Para paliar o seu decaído estado de ánimo tivo unha idea. Foi ao armario, buscou e rebuscou entre os seus vellos vestidos aquel vermello tan sexy que mercara xusto o día en que o seu marido lle pediu o divorcio.

Pasaran dez anos, o tempo necesario para que Cloe cambiase a súa infelicidade por uns quiliños de máis. Cando comía evadíase do seu malestar; as endorfinas proporcionábanlle o pracer que non atopara noutro home. Puxo o seu vestido vermello, calzou uns bos tacóns, apertou o abdome para disimular a barriga e marchou traballar coa esperanza de que aquel día sería especial.

Entrou pola porta do hospital e decatouse de que a miraban dun modo diferente ao resto dos días; quizais con máis respecto, e algunha que outra envexosa repasouna de arriba abaixo para ver onde podía atopar un fallo.

Ao chegar ao vestiario, abriu a taquilla, sacou o seu uniforme verde de quirófano, deixouno enriba da banqueta de madeira, agarrou polos baixos o vestido vermello e foino subindo pouco a pouco; pero ao chegar ao pescozo foille imposible sacalo pola cabeza. Empezou a tirar con todas as súas forzas, e cada vez sentíase máis cansa, notaba que lle empezaba a faltar o aire.

Naquel momento escoitou unha voz que viña de moi preto e lle dicía:

—Agora podes poñerte na miña pel e sentir esa mesma sensación de afogo que me acompañou durante dez anos, pechado no teu armario coma un prisioneiro cumprindo condena. O único delito que cometín foi seducirte para que me mercases, e fixéchelo con moita ilusión porque che gustaba a cor vermella. Prometiches sacarme a bailar todos os sábados e non cumpriches a túa palabra. E hoxe estasme a utilizar coma un pano para mendigar unha triste rosa.

Cloe sentiu vergoña de si mesma e tomou conciencia de que o seu vestido vermello non tiña a culpa dos seus problemas e de que non era necesario ter un corpo dez para lucir un vestido cinguido e sacalo a bailar de cando en vez.

Foi entón cando escoitou pola megafonía:

—Doutora Cloe, acuda ao quirófano número sete.

Non o podía crer; estaban agardando por ela para unha operación a corazón aberto que salvaría unha vida, mentres a súa pendía dun fío, nas mans daquel maldito vestido asasino.

Cloe, arrepentida e con voz agónica, suplicoulle:

—Por favor, déixame ir, demostrareiche que cambiei.

O vestido vermello recapacitou e respondeu:

—Está ben, vouche soltar, pero terás que levarme posto ao quirófano. Xa sabes canto me gusta a cor vermella, pero nunca vin un vermello natural coma o do sangue humano.

Cloe recolleu o seu uniforme verde de quirófano, gardouno na taquilla e marchou correndo ao quirófano número sete.

Ao chegar alí, todo o equipo estaba agardando por ela e, ao vela, coa boca aberta, exclamaron ao unísono:

—Uauuu!

O seu paciente, deitado na padiola, estendeu o brazo co gota a gota e, cun sorriso nos beizos, entregoulle unha rosa vermella dicindo:

—Feliz San Valentín, doutora Cloe, está vostede preciosa!

Carlos E.