Moontide
Para Zuma. Espero e desexo que todo che vaia ben.
Foi unha cinta que comezou a rodar en 1942 Fritz Lang e que continuou Archie Mayo. É a primeira protagonizada por Jean Gabin nos EUA e é tamén unha produción de Mark Hellinger, un personaxe importante no Hollywood dos 40 porque puxo os temas chamados sociais e un tratamento máis realista deles.
Aquí os protagonistas, tanto Gabin como Thomas Mitchell, son xente que vive das súas mans: traballos duros e mal pagados de estibador ou garda de noite, xente sen estudos, gran corazón e unha certa querenza polo alcohol.
E neste mundo de brutos que responde aos nomes de Bobo, Tiny ou Pop, irrompe a delicadeza da man da rapaza desesperada, a estupenda Ida Lupino, Anna na ficción.
O ton xeral da obra está próximo ao realismo poético do cine francés da segunda metade dos 30, pois a algúns detalles moi precisos e cribles sobre os costumes dos personaxes engádese un tratamento visual moi estilizado próximo ao expresionismo, con gran utilización de sombras e néboas. A secuencia da persecución entre Mitchell e Gabin, que ocorre no dique, é un modelo do que acabo de dicir. O certo é que, sexa de quen sexa o mérito, Moontide vese hoxe con moito agrado, como un ovni saído dun planeta descoñecido, luminoso e reconfortante. Aínda que non se concrete en que anos transcorre a acción, é evidente que estamos en plena Gran Depresión, pois os seus personaxes falan das súas erráticas procuras de traballo por Portland e San Francisco, os salarios son 1, 2, 3, 4 dólares ao día cun complemento de alcohol, e existen todos eses tipos sen fortuna, un tipo de solidariedade ou de dependencia que corresponde tamén a unha tradición de movementos sociais.
Digamos para acabar que o filme está moi pero que moi ben escrito e que inclúe unha festa de voda creada cun ritmo moi especial.
ESTA PELI É A MIÑA DEBILIDADE.
CARLOS