A metamorfose
Unha mañá puxéronse a xogar ás agachadas e idearon para ela un lugar seguro onde esconderse. Aquela criatura apenas sabía falar, pero pareceulle gracioso e sentíase orgullosa e feliz de que contasen con ela para xogar. Confiada e segura de que a decisión que tomaran era a acertada, meteuse.
Era un armario algo esvencellado, pero suficiente para o seu corpo miúdo e áxil. Estaba feliz con ese reto e segura de que non ía defraudar a ninguén.
—Cando contemos ata cen avisarémoste para que saias —dixéronlle.
Pareceulle intrigante e divertido e alá se meteu. Encaixouse como puido entre roupa con cheiro a naftalina, bolsos e plásticos de diferentes tamaños colgando de percheiros. Ao principio sentiuse incómoda e algo perplexa… Tiña medo, pero confiaba.
Como non sabía contar, agardaba o aviso dos demais e permaneceu inmóbil, só co latexo do seu corazón como compañía… Cheiraba as roupas e imaxinou un mundo onde todas esas roupas, bolsos, abrigos estiveran entre xentes, conversas… Alí quedou durmida.
Espertou e, ao parecer, ninguén contara ata cen; e como non sabía contar tampouco podía distinguir canto tempo podía ser iso… se cen era un minuto ou unha vida enteira.
O tempo que permaneceu descoñéceo; a medida que avanzaba, os seus ollos empezaron a distinguir entre a escuridade as formas de cada obxecto… Quizais —pensou— era máis apetecible estar alí. Empezou a acomodarse nese breve e estreito espazo. Agora escoitaba o latexo do seu propio corazón e estaba segura de que iso era algo bo e importante. Ao pouco tempo o seu olfacto agudizouse e distinguía a naftalina nova da vella, os restos de cheiro a tabaco camuflados por intentos de airealos… Descubriu un mundo en cada cheiro, no que ideaba a charla que precedera a cada peza posta na persoa antes de ser colgada no armario.
Nese mundo que empezaba a absorbela albiscou unha tenue fenda de luz; non unha luz calquera, era unha luz branca e radiante da que antes non se decatara. Con máis claridade decatouse de que non era unha luz que entraba, senón que saía. Momentos máis tarde (ou case simultaneamente) oíu unha voz que lle dicía:
—Podes saír, rematamos de contar ata ceeeeenn!
Pero xa non atoparon a ninguén alí dentro, só un raio de luz que escapou para darlle máis forma á claridade do día.
CARLOS. 14/07/2019. Para María José.