Os zapatos do meu pai

Etiquetas: persoal

Para Moon. A miña gran descoñecida.

Un día pedinlle á miña nai, poucos días antes de marchar: Devolvédeme os zapatos do meu pai e déixame camiñar con eles. Para que os necesitas? —díxome ela—.

Necesítoos para cando a chuvia caia no campo de ósos e rosas.

Toma estas botas, fillo —díxome— que brillan coma a prata de “Xudas”. Grazas, nai —respondín— así poderei ir e camiñar no futuro por todos estes tristes reflexos de camiños perdidos e sen transitar que aínda non coñezo.


Xa non será o mesmo ir á diálise, xa non poderei ir coa mesma ilusión. Non se pode ser normal e estar vivo á vez; sentirei que a vida pasa rápida coma as montañas dunha paisaxe.

Ningunha persoa preocupada polo seu equilibrio debería ir máis alá dun grao de lucidez e análise.

Acabei sendo un home fatigado. Querer ser libre é querer ser un mesmo, pero eu xa estou farto de ser un mesmo, de camiñar no incerto, de errar a través das verdades, de volta do paradoxo e da provocación en busca da impersonalidade e da rutina; maduro para o tópico, renuncio á singularidade. Xa non teño nada que derrubar, máis ca min mesmo: último ídolo que combater… As miñas propias enfermidades atráenme.

Chegado aos confíns da análise, aterrado da nada que alí descubro, volvo sobre os meus pasos e intento agarrarme á primeira certeza que pasa; pero fáltame inxenuidade para aderirme a ela plenamente; a partir de agora xa non son máis ca un teórico, un pensador híbrido.

A partir de agora, cando non esteas connosco, no meu momento máis difícil pecharei os ollos, escoitarei O Mesías de Haendel e verei como de verdade es… Un soño.

Gústame sentir e cheirar o papel. Quérote, Moon.

Carlos