Los vencidos
Nos anos 50 estoupou a moda das películas de episodios, xeralmente con resultados desiguais. Con guión, entre outros, de Giorgio Bassani, Suso Cecchi D’Amico e o propio Antonioni, a película retrata o desencanto, as dúbidas e as rebeldías da desorientada mocidade (como todas as mocidades) da posguerra da Segunda Guerra Mundial en Francia, Italia e Inglaterra.
Enormemente moderna, trata discusións que hoxe en día se manteñen moi actuais e que aquí xa se ven reflectidas: violencia, falta de principios e ideais. Nada é novo nesta radiografía da mocidade burguesa “sen énfase nin ouropeis” en tres países diferentes, acompañada dun alecionador e moralizante prólogo claramente imposto pola produtora. Antonioni trata o malestar social, que non é senón o malestar de toda unha xeración, con ese neorrealismo existencialista tan característico dos primeiros anos da súa filmografía e, desde o meu punto de vista, a parte máis interesante da súa produción.
No episodio francés fálase dos delirios de fama e grandeza a calquera prezo que xera un acto de violencia incomprensible, signo dun baleiro existencial e nihilista feroz e aterrador.
O episodio italiano fala dunha xeración caprichosa que non asume a responsabilidade dos seus actos, unha sorte de rebeldía sen causa nunha historia sobre tráfico de cigarros que remata igualmente nunha explosión violenta, pero que serve para falar da desconexión coa realidade e da incomunicación (outro dos temas favoritos de Antonioni) entre xeracións. “Quero diñeiro, moito e rápido.”
A terceira historia, desenvolvida en Inglaterra, é a mellor de todas e tamén a mellor interpretada, cun soberbio protagonista igualmente inmaturo e con delirios de fama a toda costa, sen principios morais. “Cando un é famoso as cousas cambian.” Un retrato entre a fascinación e o patetismo esclarecedor.
Antonioni fala de problemas interxeracionais cun prosaico distanciamento moi moderno, “pre-nouvelle vague”, sobrepasando os límites do neorrealismo no que nace a súa filmografía. É o ton, introvertido e sostido, o que fai destacar esta película e do que se extraen as súas maiores calidades. Moi boa.
Carlos