Loucura pasaxeira de Carlos
Realidade e ficción, paralelismos, metáforas, baleiro existencial, crise de motivación, talentos irrecoñecibles, procuras de pasados que en realidade nin pasaron.
Estou no teatro Am Kämttnertor en Viena escoitando a 9 de Beethoven dirixida polo mesmísimo, no día da súa estrea, 7 de maio de 1824.
Mañá volverei a Barcelona para ir ver a Dra. Carmen; xa te informarei cando nos vexamos, e se non, chamareite ao móbil.
Unha vez sabido o futuro que me agarda, irei a Dresde ver a incrible ópera de J. Adolf Hasse «Cleófide», que están representando o 13 de setembro de 1731 nesa marabillosa cidade.
Isto de viaxar no tempo é grazas a Luis, o meu fillo; é incrible, metín na miña cabeza todos os datos que me proporcionou e, coma se fose unha batedora, mestureinos e conseguín as necesarias «partículas crono-métricas» que me permiten realizar as lecturas «astro-métricas» utilizando o código cifrado da súa invención chamado «fractal».
O operativo efectuouse correctamente unha vez consumada a «asimilación nuclear». Inmediatamente despois activei os «escudos de protección» para evitar as flutuacións na retícula enerxética, polo que a magnetización «Neuro-Relé-de polinero» non se verá alterada e poderá transmitir os impulsos á miña rede «post-itrónica» a través do seu cuadrante «Dan-con-84».
Quería informarte tamén de que sen a axuda do meu fillo isto sería imposible, xa que el me deu as pautas precisas para poder elaborar as respostas correctas ante calquera percance no sistema de protección das «sub-rutinas».
Aconselloume que me colocase nun traxe «iso-métrico» de illamento para analizar os datos «fisio-métricos» e ao mesmo tempo rexenerar continuamente a súa estrutura.
É dicir, en síntese: «Trans-gredindo os límites: cara a unha hermenéutica transformativa da gravitación cuántica».
Despois desta recomendación de Luis abríuseme a mente e por fin vino todo claro. Só tiña que adaptar a radiación meta-fásica aos «parámetros normais».
Bo, déixote, que está a piques de empezar a ópera «Cleófide». Regresarei cando remate para poder facer a «diálise». Non sufras, chegarei a tempo. Unha aperta.
13/09/1731
P.S.: O rei Salomón suplicáballe ao Eterno que lle concedese un corazón intelixente. Porén, Deus cala. Quizais nos mira, pero non responde, garda as distancias, non intervén nos nosos asuntos.
Carlos E. 08/11/2018