La dama desconocida
Dedicada a Carmina, un encanto de muller moi especial.
En plena explosión do cine negro dos EUA, a medida que a Segunda Guerra Mundial se intensifica en Europa, o cine reflicte un pesimismo crecente. A película de Robert Siodmak adiántase catro meses á estrea de “Perdición”, nove meses a “Laura”, e precede a xoiñas do cine urbano como “Al borde del peligro” ou “Las calles de la ciudad”.
Ese mesmo ano Jacques Tourneur estrea “Noche en el alma”. Máis aínda: cando roda La dama desconocida, Siodmak ten no set veciño a Hitchcock enfrascado en “La sombra de una duda”. Os seus primeiros contactos coa Universal non foran favorables. En decembro do 43, recén obtida a nacionalidade americana, ofrécenlle un contrato de 7 anos e para empezar pásanlle “El hijo de Drácula”. Con guión do seu irmán Curt Siodmak, segue logo “La reina cobra”.
Un día, tomando café nun estudio, coñece a Joan Harrison, que fora secretaria de Hitchcock en Londres e logo participou nos guións de Posada Jamaica, Rebeca, Sospecha, Enviado Especial e Sabotaje. Despois asina os dereitos de La dama desconocida de Cornell Woolrich, alias William Irish, e soña con alzarse á produción independente. 14 novelas de Woolrich leváronse ao cine ata “La ventana indiscreta” de Hitchcock.
No caso que nos ocupa, a historia preséntase en conta atrás, capítulo a capítulo, entre o descubrimento dun domicilio e a probable execución do home condenado por ese asasinato. Da man de Harrison, Siodmak (que aos 44 anos domina todos os aspectos do oficio de cineasta) compón un recital da linguaxe visual moi ao estilo da UFA alemá, só que ambientado en Nova York, e iso pesa o seu en termos de suor, ruído, po e rudeza.
Elwood Bredell, director de fotografía procedente da serie B, estuda a fondo a luz da escola de pintura de Utrecht para aplicala en B/N a La dama desconocida. O compositor Hans J. Salter mira a película, atopa redonda a banda sonora e non considera necesario engadir nada, así que se limita a acompañar con música os créditos de entrada e a palabra FIN.
Encabeza o reparto Franchot Tone, estrela da Metro que cobrou 10.000 dólares por aparecer 20 minutos. A protagonista de verdade é Ella Raines, descuberta por Howard Hughes, que traballou catro veces con Siodmak.
La dama desconocida foi ben recibida por Cecil B. DeMille, que fixo unha adaptación radiofónica tamén con Ella Raines. Este éxito permitiulle a Siodmak rodar axiña “Luz en el alma”, que se estrearía en xuño do 44, só cinco meses despois de La dama desconocida.
Non perdades esta marabilla do gran Siodmak.