Hospital, hai 33 anos
Podería vostede explicarme que fixo co meu fillo?
Debido á miña falta de experiencia sentinme un pouco inseguro, tentei balbucir algunhas palabras pero, a verdade é que non sabía que dicirlle; estaba como absorto, quedei mirándoa sen saber de que me estaba falando, pola miña mente pasaron unha chea de cousas terribles que podía ter feito sen ter a máis mínima idea. Alí estabamos os dous no medio do corredor da terceira planta do hospital, no medio da nada! De súpeto decateime de que estaba rodeado de enfermeiras, médicos, pacientes e familiares que viñeran visitar os seus seres queridos, que coma min estaban ingresados tentando recuperarse. As súas miradas acusadoras fixéronme querer desaparecer, non sabía onde meterme, quería correr pero as miñas pernas non me respondían; cada segundo que pasaba a situación volvíase máis angustiosa. Eu miraba aquela pobre señora, a nai de David, un rapaz de apenas 7 anos, co que ata había apenas unha semana compartiamos corredor no hospital.
Cada mañá, despois de almorzar, viña buscarme ao meu cuarto coa intención de dar o noso clásico paseo matinal polo hospital, para visitar os enfermos que non podían andar ou estaban peor ca nós, que eran a maioría. Cando entrabamos nos cuartos, sobre todo nos das velliñas, a David iluminábaselle a cara ao ver as miradas de alegría que provocaba a súa presenza; era fascinante! Animábaas coa súa soa presenza e elas dicíanlle o guapo que era e que ía ter moitas mozas; el sorría con picardía e contestaba que xa tiña moitas e que eran todas moi guapas.
Cando volviamos aos nosos cuartos (o seu enfronte do meu), David aproveitaba para contarme cousas da súa vida, dos seus amigos, do cole, da súa nai… sobre todo da súa nai, que a quería moito, pero que desde que marchou o seu papá, el non se atrevía a dicirllo porque sempre estaba triste; apenas lle falaba para non molestala… non sabía que dicirlle. Eu escoitaba en silencio sen interrompelo para que non se perdese «a maxia», ata que de repente volvín á realidade.
—Verá —explicoume a súa nai—, antes de que o meu fillo viñese aquí, eu non lle importaba nada, pero agora quéreme. Eu só quería saber como o conseguiu.
P.S.: Historia verídica. Rompín o brazo, ingresáronme, e coñecín a David, un diaño. O resto é ficción.
CARLOS.