O código Da Vinci
«Cando a xente deixa de crer en Deus non é que non poida crer en nada, é que cre en calquera cousa.» (Chesterton)
A tese argumental da película é que Xesucristo non era Deus (Toma), só un bo home (Pobret) que, casado con María Magdalena (Virxencita), fundou unha liñaxe de sangue real que chegou ata os nosos días no anonimato (alucinante!, máis de 2000 anos e nós sen decatarnos). A Igrexa, ao longo da historia, tería tratado de ocultar eses feitos (Que mala) para poder oprimir e dominar a xente sinxela, e especialmente as mulleres. (Pero que malísima e cruel é a Igrexa Católica coas pobriñas mulleres). Pero (Tachín… tachín…) un grupo de elixidos, coñecidos como «O Priorato de Sión», salvagardou o segredo polos séculos.
A película (agora vén o mellor) cóntanos o que ocorre cando un prelado do «Opus Dei» de nome Aringarosa (cunha pinta de «Drácula» total), axudado por un psicópata vestido de frade, que non é máis ca un asasino a soldo de nome «Silas» cos ollos case fosforescentes (que forte), que por certo parece unha nova versión de «Alien», ou mellor aínda, unha mestura de «Gollum» (O señor dos aneis) e «Norman Bates» (Psicosis), deciden acabar para sempre con ese terrible segredo que ameaza o poder moral da Igrexa (Toma xa!!).
Imos ver, a peli dá por sentado que non hai forma de demostrar a divindade de Cristo, nin hoxe nin nunca; para iso nega a autoridade testemuñal dos Evanxeos canónicos, e porén acepta os apócrifos sen crítica ningunha (moi bonito), ofrece tamén unha interpretación antihistórica do Concilio de Nicea e da figura de Constantino. Propón unha lectura marxista da tradición e do maxisterio da Igrexa Católica, como superestrutura ideolóxica, que atopa unha vontade de poder e opresión, coa idea de utilizar o medo á morte como instrumento para xestionar a vontade de Deus no mundo (Que simpáticos).
Esta xentalla, no fondo, que está dicindo? Pois nin máis nin menos está dicindo que a Igrexa manipulou as tradicións pagás. Que sería o lugar onde debería ser interpretado o cristianismo (que simpleza) proponse inverter o curso da Historia, é dicir, volver ao punto inicial (coma se nada pasase) e dar por verdadeira a relixión pagá, que lle rende culto á fecundidade e ao sexo dotándoos case dunha dimensión cósmica. Fronte a iso, o cristianismo é a relixión do crucificado, da morte, da represión da muller e do cilicio do sangue… é dicir, todo o que encarna o personaxe de «Silas», que para iso está.
Vou aproveitar que estou anoxado para dicir que os últimos minutos da peli son noxentamente vomitivos, e confirman o que dixen antes acerca da lectura marxista na que todo é relativismo puro e duro. Refírome ao diálogo final entre Robert Langdon e Sophie Neveu, vai o tío e dille «É irrelevante que Cristo fose Deus ou non, o importante é o que un crea, cada un é o que defende». Que inmundicia, meu Deus, isto é puro relativismo radical, cargado ata arriba de subxectivismo, que se converte no criterio decisivo do sentido da vida. Mellor dito, nega o sentido da vida: imos ver, se a vida non ten sentido! Realmente que importa quen fose Xesús de Nazaret. Polo tanto, a tese da película é dun nihilismo perigosísimo.
De feito a intención da peli é deixarte con máis dúbidas que certezas; esa e non outra é a intención da esquerda socialista no mundo: primeiro fai que dubides e logo colonízache a mente con máis facilidade.
Os progres, ou mellor dito, o pensamento progre, un híbrido do marxismo de onte e a parvada de hoxe, montou unha ditadura en toda regra. Unha ditadura da que é, por riba, case imposible fuxir. Domínao todo coa súa cursilería, as súas formas afectadas e a súa machacona insistencia no que está regular. O que se axusta ao canon de santidade progresista e o que constitúe herexía imperdoable. Eu, por exemplo, son herexe, e como non poden queimarme na fogueira insúltanme chamándome «facha» ou «reaccionario».
Imos ao gran. No fondo a película transmite a seguinte parvada: «Xesús non é Deus» (vaia) ata que (mira ti por onde) chega o Emperador Constantino, e monta o Concilio de Nicea, polo morro, e di: A partir de agora Xesús é Deus, e punto.
Claro, a historia, por moito que lles pese aos listillos, é un pouquiño diferente. O Emperador Constantino, en efecto, convocou o Concilio de Nicea, non para facer barrabasadas, senón coa finalidade de fomentar a unidade e eliminar a herexía; nunca aspirou a suplantar os Bispos, máis que nada porque non o terían permitido, pero claro, a malvada igrexa católica «Inventada» por Constantino no devandito Concilio perseguiu os tolerantes e pacíficos adoradores do feminino, ecoloxistas incluídos, matando «millóns de bruxas, é dicir, librepensadoras», na Idade Media e no Renacemento.
Non hai que esquecer que o malévolo Constantino foi ante todo un adorador do «culto masculino ao sol» (Vaia, un machista), que se apoderou do cristianismo, cargouse a pobre «Deusa feminista», colleu o pobre profeta Xesús (Un don ninguén) e zas!! converteuno nun «Heroe-Deus-solar»; máis tarde montou unha redada á maneira estalinista para facer desaparecer os evanxeos que non lle gustaban e deixar os catro máis bonitos con algún retoque que outro, claro.
Para rematar con este apartado, Constantino unicamente intervía se os bispos asistentes ao Concilio non conseguían facer cumprir as decisións conciliares. O Emperador só intervía se era necesario para aplicalas; nunca para impoñelas; a súa intervención entendíase como meramente subsidiaria, posto que a norma última estaba en mans dos propios bispos, os cales, á súa vez, se baseaban nas tradicións e nos cánones establecidos xa con anterioridade a través, por suposto, do Espírito Santo.
Ademais, moitos dos bispos de Nicea eran veteranos superviventes de antigas persecucións e levaban sobre o seu corpo as marcas da prisión, a tortura ou os traballos forzados por manter a súa fe. Ían deixar que un Emperador cambiase a súa fe? Acaso non era esa a causa das persecucións desde Nerón: a resistencia cristiá a ser asimilados como un culto pagán máis?
De feito, se o cristianismo antes do 325 fose tal como o describen os personaxes da peli e moitos listillos progres/posmodernos, nunca terían padecido persecución, xa que encaixarían perfectamente con tantas outras opcións pagás, e serían asimilados con facilidade. O cristianismo foi sempre perseguido por non aceptar as imposicións relixiosas do poder político e proclamar que só Cristo é Deus, co Pai e o Espírito Santo.
Hai moitas máis cousas que desenmascarar desta peli, por exemplo: as referencias ao «Opus Dei»; de feito a maioría destas referencias producen máis gargalladas ca outra cousa, pero dicir que o Opus Dei é unha seita católica conservadora vai máis alá de ser unha broma, e a propia Igrexa debería tomar cartas no asunto, xa que isto é denunciable desde un punto de vista legal, posto que o Opus Dei é unha prelatura persoal autónoma, pero totalmente do Vaticano. De feito o Prelado (Pai), cabeza visible da prelatura, é nomeado directamente polo Papa. Despois ten as súas sedes por diferentes países, supeditadas á súa vez á diocese territorial correspondente.
Outra cousa moi graciosa (por certo, é a tese argumental da película) é o feito de que un grupo de elixidos, como «O priorato de Sión», salvagardou o segredo polos séculos. É lisa e llanamente unha superchería, pois este feito que na película se dá por certo, simplemente nunca existiu… Bo, isto merece unha aclaración: o priorato de Sión realmente existe, é unha asociación francesa (claro) rexistrada desde 1956, non antes, posiblemente orixinada tras a II Guerra Mundial, que clama ser herdeira dos masóns, templarios, exipcios, etc…; aquí a cuestión é inventar organizacións para meterse coa Igrexa (aburren).
Outra cousa: Agora resulta que as Catedrais as crearon os templarios. Por suposto é falso: As catedrais encargáronas os bispos, non os templarios. O modelo das catedrais era a igrexa do «Santo Sepulcro» ou ben tamén as antigas basílicas romanas.
Outra: O papa Clemente V non eliminou os templarios nun plan maquiavélico. Toda a iniciativa contra os templarios foi do Rei francés, Filipe o Fermoso.
Outra: A Mona Lisa non representa un ser andróxino, senón Madonna Lisa, esposa de Francesco di Bartolomeo del Giocondo. Mona Lisa non é un anagrama dos Deuses exipcios Amón e Isis.
Outra: Na última cea de Leonardo non aparece o Cáliz e aparece o novo e guapo San Xoán, o discípulo amado. A peli di (a través dunha burda manipulación) que o novo San Xoán é en realidade María Magdalena, que ela é o Grial. A verdade é que non sae o Cáliz porque o cadro está describindo a última cea tal como sae no Evanxeo de San Xoán. Sen institución da eucaristía. Por iso non sae Cáliz, máis concretamente cando Xesús avisa «Un de vós hame traizoar».
Outra: Constantino e os seus sucesores masculinos a través da cristiandade Patriarcal cargáronse o paganismo Matriarcal; como consecuencia, a pobre Nai Terra converteuse nun mundo de homes. O malísimo Ego masculino pasou 2 milenios provocando unha situación inestable, marcada polas guerras alimentadas con testosterona, unha morea de sociedades misóxinas e unha crecente falta de respecto pola «Nai Terra». Pero non hai por que preocuparse, aquí están as novas feministas do século XX, para dicirnos á humanidade que o que necesita o home é unha muller que o complete; a súa consorte sería María Magdalena; para iso temos lixos como «O código Da Vinci», no cal poderemos atopar material de moitos tipos: New age, ocultismo, teorías conspirativas, neopaganismo, Wiccas, astroloxía, etc…, pero o cóctel gnóstico/feminista é a base da macedonia. Hai pouca investigación verdadeira sobre o «Santo Grial», pero moita sangría.
Outra: Segundo unha cita da película, resulta que na época da inquisición queimáronse millóns de bruxas. Entre os historiadores serios calcúlase que entre os anos 1400 e 1800 (400 anos) se executaron en Europa entre 30.000 e 80.000 persoas por bruxería. A maioría non foron queimadas (limitándose a castigos menores, como rezos, prisión ou traballos para a comunidade). Non todas eran mulleres e a maioría non morreron a mans de oficiais da Igrexa, nin sequera de católicos. A maioría das vítimas foi en Alemaña, coincidindo coas guerras campesiñas e protestantes dos séculos XVI e XVII. Cando unha rexión cambiaba de denominación, abundaban as acusacións de bruxería e de histeria colectiva. Os tribunais civís, locais e municipais eran especialmente entusiastas, sobre todo nas zonas calvinistas e luteranas. De todas formas, a bruxería foi perseguida e castigada coa morte por exipcios, gregos, romanos, viquingos, etc…; o paganismo, por suposto, sempre matou bruxos e bruxas. A idea do «neopaganismo-feminista» de que a bruxería era unha relixión feminista precristiá non ten base histórica; máis ben creo eu que o que si ten é unha base «histérica». A modo de comparación conviría lembrar que nunha soa semana os simpáticos rapazolos da famosa e ben vendida «Revolución Francesa» pasaron pola guillotina, ao son de «A Marsellesa», a máis persoas que todos os anos da «Inquisición» en España, e iso que tiñamos o malísimo «Torquemada»; os franceses, que eran máis prácticos, non perdían o tempo con esas parvadas dos tribunais eclesiais (Unha mariconada, vaia!!).
Outra: No plano final, ver a Tom Hanks axeonllándose ante a tumba de María Magdalena, atopada grazas a unha combinación de signos pagáns, é simplemente hiperbólico. Claro, xa non é Roma o centro relixioso de occidente senón París. Vaia… vaia… e nós sen decatarnos; xa non é unha Basílica como a de San Pedro o lugar da oración, senón un «Museo», sede da cultura do saber humano, única sabedoría admitida e imposta por esa manda de pseudointelectuais ao servizo desa esquerda occidental que difundiu desde os anos 60 a idea de que occidente era o culpable da pobreza na terra.
Atención!! A boa nova, «è voilà»: A prostituta salvada por Cristo é agora «A Deusa Razón».
Epílogo
Imos ver se nos aclaramos dunha vez por todas. Que Cristo sexa Deus non pode demostrarse polo «Carbono 14», nin por esta colección patética de aprendices de bruxo, senón porque obrou e obra cousas que son imposibles para os homes, especialmente a máis inaccesible á vontade humana, como cambiar o corazón, colmar os anhelos, encherse de alegría, introducir unha dinámica de positividade, amor e perdón…, que rompe todos os límites da morte e do mal.
Ese foi o motor da historia e é a explicación de que unha realidade «tan chea de pecado» como a Igrexa Católica sexa a única que atravesa a historia engrandecendo a humanidade de todos os que sinceramente se deixan tocar por ela.
En fin, xa para rematar direiche que unha película que trata de Cristo e da Igrexa Católica e que descoñece absolutamente a materia da que trata non merece ser tomada en serio; non hai un só destello de verdade Histórica, Teolóxica e Antropolóxica en todo o seu desenvolvemento, é dunha vacuidade superlativa.
A Igrexa necesita detractores máis serios, Por favor!!! Estoume a referir a cineastas da talla de: Bergman, Dreyer ou Pasolini.
Bo, amiga, espero que este esforzo pagase a pena e o pasases ben léndoo; para min foi un pracer.
CARLOS