El gato ladrón
A serie B ten un dos seus reis na persoa de William Witney, un campión dos seriais. Desde 1937 chegou a rodar 23 consecutivos e non por iso é o máis prolífico. Witney negaba sempre calquera veleidade artística, pero por algo recoñecía Spielberg verse inspirado nel á hora de resolver certas escenas de “Indiana Jones”.
E é que este director foi un especialista nato da acción, para a que esbanxaba enerxía, ademais de introducir innovacións; por exemplo, a filmación de pelexas, que ata que chegou el se rodaban en continuidade. Witney comprobara que os actores quedaban sen folgos axiña; inspirándose á súa vez no rei da coreografía musical Busby Berkeley, Witney cortou a situación e introduciu pausas dialogadas que permitían descanso para manter a intensidade das puñadas, e de paso podía ir cambiando de sitio a cámara.
A partir de 1955 William Witney dedícase de cheo á televisión. Roda capítulos de series dispares: O Dr. Fu Manchú, O Virxiniano, Bonanza, Tarzán, ou algúns relatos deses que presentaba Hitchcock. Este traballo non lle impide achegarse á serie B de formato cine, pero a un ritmo menor do que mantiña nos seus anos dourados; nos 50/60 fai só dúas ou tres películas.
En 1961 Gene Corman, irmán de Roger, prodúcelle “The Cat Burglar”, a desenfadada historia de ladróns, usureiros e espías que lles propoñemos a continuación. Un título menor que nos permite un respiro pola súa mesma falta de pretensións e polas ganas que transmite de facernos pasar un anaco agradable; é unha nova, unha inconfesable versión de “Manos Peligrosas” de Fuller. Claro que Jack Hogan non é Richard Widmark, como tampouco o era Warren Beatty en “La historia de Bonnie Parker”, pero compensan a dona da pensión, chamada Billie Bird, o usureiro Gene Roth (maxistrado frecuente ante Perry Mason, cun físico moi parecido ao de Fritz Lang) e o orondo detective Bruno B. Sota, todo un mito na escudería Corman. Son tres incentivos de peso abondo, en todo caso, para pasar en compañía do “Ladrón de Gatos” de William Witney.
Un bo momento.
ENTRETIDA.