Amor propio

Etiquetas: conto

Non hai nada tan desolador como fracasar, sentirse ferido no amor propio e sucumbir ao desánimo correúdo e feroz de lle ter fallado a un semellante que necesita axuda e non ter sabido darlla. Unha cousa é a aparente lóxica dos feitos e outra diferente o compoñente humano que implica toda interrelación cos teus semellantes.

E non todos estamos preparados ou sabemos calibrar o impacto que as nosas palabras ou as nosas accións ou omisións poden ter sobre eles. Ás veces, a soberbia de crerse infalible ou intelectualmente superior fainos ser crueis por insensibilidade ou cegueira en posesión da verdade absoluta e, sen sabelo, estamos abocados ao descalabro irreversible.

Isto que dicimos ofrece, tras a súa coidada estética (que combina a nostalxia, a angustia da memoria e da súa perda, o trapicheo entre realidade e ficción), un agudo retrato sobre a aprendizaxe, que non é privativa dos nenos ou dos mozos, senón da que somos capaces a calquera idade e en calquera momento, e no tramo final da túa existencia. Entrecrúzanse varias narracións, todas elas entremesturadas, que se desenvolven en diferentes momentos pero que contribúen a aprender dos erros para volvernos máis humanos, máis compasivos, máis ditosos.

É unha ficción construída sobre outra ficción, como un delicado xogo de espellos, onde se reflexiona sobre como nos construímos o noso propio personaxe e como nolo constrúen os demais, ata que ao final non sabemos se somos quen cremos ser ou simplemente estamos a interpretar a fantasía que se agarda de nós. Rectificar é de sabios e as segundas oportunidades, ás veces, teñen a virtude de redimirnos, porque aínda que non podemos reescribir o noso pasado, polo menos podemos converternos en donos do noso presente.

Dedicada a Johanna.

CARLOS. 07/10/2019