Amor ao cine

Etiquetas: conto

É un día coma outro calquera e Carlos está tentando escribir un guión para unha película que quere realizar a súa muller Anna, pero non hai xeito de que lle saia nada que lle guste; leva toda a tarde coa inspiración polo chan, nunca mellor dito, xa que ten todo o seu cuarto cheo de papeis engurrados de ideas baleiras. Que facer?, pregúntase. De súpeto, despois dun grolo de whisky, lembra que Anna está a ler un libro.

—Cariño…

—Si, Carlos?

—Non sei que facer cos teus clons… Estou aquí, escribindo o guión, e non se me ocorre que demos poñer.

—Escóitame, Carlos. Non importa. Non importa nada. Clons? Non importa. Zombis? Non importa. Guión? Non importa. Coherencia interna? Non importa, amor. Diálogos intelixentes? Tampouco importa. Respecto á saga de videoxogos? Nunca importou. Respecto á realidade, ás dimensións físicas? Lembras a caixa de zombis infinitos, Carlos.

Si, claro, como esquecelos.

Pois non importa. Nada disto importa.

—Entón…?

—Quéresme, Carlos?

—Claro, Anna, xa sabes que te quero.

—Pois iso é todo. Se me amas, o mundo enteiro pode irse ao carallo. E agora, ven á cama.

—Pero Anna… Mañá empeza a rodaxe e aínda non sei de que vai a película.

—Non te preocupes, cariño, irá do que foron todas. Do teu amor cara a min, o teu amor que fai que todo o demais non importe, un amor violento, salvaxe, cheo de golpes, de zombis absurdos, de malos absurdos, un amor saído do soño e do pesadelo. Un amor psicotrópico, Carlos.

—Xa, tes razón, Anna… cariño.

—Seino, amor. E agora, imos.

E froito dese amor, xurdiu «A película».

Para unha muller especial.

Carlos. 22/11/2019