La máscara de Dimitrios

Etiquetas: crítica

Negulesco agardaba dirixir El Halcón Maltés, pero a Warner Bros. quixo que fose John Huston quen debutase como cineasta.

Tres anos máis tarde Negulesco reúne de novo dous dos protagonistas do Halcón Maltés, o produtor e o director de fotografía do mítico filme, e roda “La Máscara de Dimitrios”, un sorprendente filme negro cuxa acción nos leva de Istambul a Atenas, Sofía, Bucarest, Xenebra e París. No seu momento, a utilización do flashback que na película se fai para ilustrar fragmentariamente distintos episodios da vida de Dimitrios, un xenio do mal encarnado por Zachary Scott, foi considerada moi renovadora. Hoxe o que máis nos fascina é que, sendo unha obra rodada en estudio e en Hollywood, transmite unha estraña verdade sobre o mundo que describe; non é realista, senón real. Podería dicirse iso do traballo de Negulesco.

Porén, os dous verdadeiros protagonistas son Sydney Greenstreet e Peter Lorre: o primeiro pasea os seus 120 quilos de maldade cunha elegancia extraordinaria; o segundo inventa continuamente, o seu personaxe fai da ambigüidade orientación e da franqueza forza. Ademais hai dúas aparicións memorables: a de Victor Francen como elegante espía e a de Faye Emerson como cabaretera drogada.

A película é digna de John Huston e Orson Welles, ou, por que non, de Negulesco. O certo é que, se a outra cinta se parece, a primeira é a citada ao principio e a segunda é “Mister Arkadin”, da que ten unha estrutura case idéntica e sobre todo unha mesma maneira de caracterizar os distintos personaxes.

Negulesco amósase un virtuoso da planificación, dándolle a cada un dos personaxes a identidade requirida ao encadre. Os duelos entre Lorre e Greenstreet deberían figurar en todas as escolas de cine do mundo como exercicio de realización e de dirección de actores. A verdade é que os dous, tradicionalmente secundarios, coincidiron nun total de ata oito películas e sempre souberon ser o mellor de cada unha delas, o que no caso da que nos ocupa non é pouco dicir.

Moi boa, coma Carmina.

CARLOS E.