Apuesta contra el mañana
Dedicado a Carmina, unha muller especial.
Despois do seu grande éxito con “Quiero vivir”, que lle valeu un Óscar á mellor actriz a Susan Hayward en 1958, Robert Wise produce e dirixe en 1959 “Apuesta contra el mañana”, adaptación dunha novela policial de William P. McGivern. O racismo é o tema central deste thriller que o propio actor Harry Belafonte lle propuxo facer a Wise; Belafonte comprara os dereitos e tiña xa un esbozo de guión, que logo foi reelaborado. O final do guión orixinal, coma o da novela, predicaba a reconciliación dos dous protagonistas, o negro Harry Belafonte e o branco Robert Ryan, pero Wise considerou que a historia se ía parecer demasiado a “Fugitivos”, que Stanley Kramer fixera un ano antes con Tony Curtis e Sidney Poitier. O que decidiu modificar foi o desenlace: nesta intriga policial que relata o moi trillado tema dun atraco a un banco, Robert Wise consegue darlle un ton moi orixinal, tanto no seu contido como nas súas solucións de posta en escena, sempre ao servizo do relato, eficaz pero sen grandes alardes.
A película describe minuciosamente a orixe e a profesionalidade dos seus personaxes e as súas frustracións persoais e sentimentais que os levan a aceptar a oferta de perpetrar un atraco nunha vila pequeniña preto de Nova York. Tanto Robert Ryan no seu papel de excombatente violento e racista, branco desempregado, como Harry Belafonte facendo de mozo sedutor e xogador que ten unha débeda coa mafia, son mostrados por Wise como entrañables perdedores.
Máis que gánsteres propiamente ditos son dous homes empurrados á delincuencia case malia eles. Magníficas imaxes en B/N coas que Wise describe non só os prexuízos raciais senón actitudes tan vitais como a violencia, a vellez, a soidade ou o amor. Wise reafírmase unha vez máis como un gran cineasta capaz de filmar coma ninguén os tempos mortos, como esa secuencia da espera dos tres homes pouco antes do atraco, na que logra transmitirlle ao espectador o desacougo dos seus personaxes.
Lembremos que esta era a película favorita do director francés Jean-Pierre Melville, mestre do cine negro francés e precursor da Nouvelle Vague, que se gababa de tela visto 120 veces e á que lle rendeu unha clara homenaxe en “Hasta el último aliento” en 1966, cunha escena coma esta que precede ao atraco.
Que gocen coa proxección.